Wednesday 08 de May de 2024

Arranca a construción da nova área de atención cidadá no Consistorio de Riveira


Operarios comezaron esta semana as obras para crear no Consistorio de Riveira unha nova área de atención cidadá, no espazo que ocupaba a policía local antes da creación dunhas novas dependencias xunto aos xulgados.

A empresa Vioder, S.L., é a entidade encargada de acometer esta actuación. O acondicionamento do espazo ten un orzamento de 105.756 euros e o prazo de execución son tres meses.

Cunha superficie construída de 182,96 metros cadrados e unha superficie útil de 157,58 metros cadrados, preténdese concerter esta área nun lugar diáfano no que se diferenciarán un control de información (22 metros cadrados), unha sala de espera (14 metros cadrados) e unha gran zona de atención personalizada (68,6 metros cadrados).

Ademais, contará con catro despachos independentes (dous de 6,5 metros cadrados e outros dous de 11,8) e dous aseos.

Atención personalizada
Unha vez acometidas as obras, espérase que o novo Servizo de Atención Cidadá entre en funcionamento antes do verán, co obxectivo de prestar ao cidadán unha atención personalizada, de tal xeito que os veciños podan nun único punto, e de forma cómoda, áxil e accesible, cumprimentar a inmensa maioría dos trámites que habitualmente se realizan nas administracións locais, evitando ingratas perdas de tempo e percorridos polos pasillos.